O Centro de día de Cuntis atópase nesta vila termal, ben coñecida polos beneficios das súas augas. Enmárcase nun entorno boscoso, rodeado de natureza e aire puro, preto de grandes árbores que se moven ó compás do vento que corre.

O Centro é tan amplo que poderíamos xogar ó escondite nel e nunca nos descubrirían. Conta con moitos espazos nos que é doado poder ofrecer ás persoas usuarias un traballo máis individualizado, facer pequenos grupos de traballo segundo intereses e preferencias ou ofrecer un espazo de descanso, mais que merecido tras unha mañá de duro esforzo con todas as actividades alí levadas a cabo. Isto implica que se pode cambiar de aires rápidamente, incluso saír a desfrutar dun xardín exterior nos días de sol. Sabemos que contar con estos elementos fai a vida no centro mais agradable, entretida e animada.

Tamén convén destacar que é moi luminoso; está totalmente acristalado polo que dende o exterior pódese ver as actividades que estamos realizando. Contamos cun grupo de profesionais e persoas usuarias que sintonizaron dende o primeiro momento que se viron. En algúns casos, reatopáronse no centro, o que fai que a entrada e a estancia aquí sexa un privilexio de compartir. Sempre hai unha boa acollida e unha boa conversa cada vez que alguén nos visita, xa sexa un familiar, amigo ou alguén que vai a realizar unha actividade de maneira voluntaria. O que caracteriza o grupo é a sociabilidade, a actitude positiva e unha alegría que contaxia. Poderíamos dicir que estes son os valores engadidos ó noso centro.